Principais recursos turísticos

   

Igrexa de San Nicolás

 

Pertence ao gótico tardío, construída a mediados do século XIV aparece mencionada por primeira vez nun documento de 1397, o que nos aproxima á época da súa construción. De aquel entón só conserva a capela maior. Con todo, unha fiestra situada no muro lateral fainos pensar nunha construción románica. A súa planta é de cruz latina cunha soa nave de dous tramos e ábside rectangular cuberto por unha bóveda de crucería. Xunto ao que se conserva de fábrica orixinal, posúe catro capelas laterais construídas a primeira en 1526 polo protonotario Pedro Díaz Tenreiro; a segunda en 1648 por Baltasar Rodríguez de Castro figurando o escudo de armas da súa esposa Dª. Inés, o escudo dos Pardo Aguiar Piñeiro-Pita da Veiga. As outras dúas capelas son de época posterior, a do Santo Cristo de principios do século XX e a do Espírito Santo en 1977. Atopamos tamén no interior un arco que dá amparo ao sarcófago de Don Diego de Esquío estatua xacente da casa Esquío-Andrade. A fachada é barroca produto de remodelacións realizadas no século XVIII ou comezos do XIX. En canto aos retablos destaca o da capela das Dores (finais do século XVII, comezos do século XVIII). É tamén destacable a pila bautismal realizada no século XIV.

 

 

__________Voltar