Principales recursos turísticos

 

 

Pazo da Merced

 

Ubicado á beira da Ría, é unha mansión solariega do século XVII. Din as vellas tradicións populares que a edificación atópase unida por un pasadizo submarino co monasterio de San Martiño de Xubia, aloxado alén de ría.

Aquí poderedes atopar algo da súa historia...

Informado polo seu irmán, o párroco de Santa María de Neda, das boas expectativas xeradas na comarca, a finais da década de 1700 chega de Matute (Nájera, Logroño) D. Francisco Antonio Somalo, un activo comerciante rioxano disposto a fundar unha tenería no lugar da Florida, entre o Camiño Real e o mar de Xuvia. Nestas propiedades, cuxas construcións máis antigas poden datarse no século XVI e das que se conserva unha pequena capela de estilo barroco adicada á Virxe da Merced, edifícanse unhas instalacións que seguindo o estilo dos centros fabrís do século XVIII, responden a un deseño que se move entre unha casa señorial e un recinto industrial. Fúndase así a Fábrica de Curtidos da Florida. Trala Guerra da Independencia, a filla do fundador cásase en 1812 con Juan Adam Pensel, oriundo de Baviera e técnico mineralista no Departamento de Mariña de Ferrol. Falecido este sen descendencia , faise cargo D. Tomás Cebreyro da dirección do establecemento, cuxa propiedade é reclamada ante o Rei por dous fillos que tivera o sacerdote irmán do fundador, quen lla concede. Falecidos os fillos do párroco de Neda, a propiedade volve á rama familiar de D. Francisco e do mesmo xeito que o resto das industrias da comarca entra en crise cara a 1870 e o seu entón propietario, D. Francisco Cebreiro Seoane, como tantos outros galegos, emigra a Cuba, de onde retorna en 1898 para vivir baixo a gobernación de Dna. María Barros das rendas que lle deixan as amplas propiedades do chamado Pazo da Merced, que se estenden por toda a ribeira de Neda, desde Perlío ata Xuvia. Mediado o século XIX o pazo funciona como Convento Franciscano e cara a 1925 pasa a mans do popular médico D. Francisco Cebreiro Barros, “D. Paco o da Merced”. En maio de 1978 o arquitecto de Cidade Real D. Alfredo Alcalá Navarro adquiriu e restaurou o deteriorado edificio para convertelo, en 1991, na primeira Casa de Turismo Rural da provincia da Coruña. Na restauración do edificio destacan a pedra e o cristal e a perfecta mestura do moderno e o antigo.

 

Em__MG_1283

 

__________Voltar