Lendas e tradicións

 

Monte de Ancos

 

  • Lenda de Aureana. Esta vella lenda conta que en Casadelos, preto do cume do Monte de Ancos vivía un home viúvo coas súas tres fillas. Unha bruxa pretendía casarse con el, pero é rexeitada. Como vinganza, transforma ás tres mozas en queixos. O pai, sen sabelo, corta un deles. Para fuxir do feitizo, as rapazas convértense en cabalos, pero un deles non pode fuxir, xa que é coxo dunha pata. É Aureana, que debe quedar alí, agora transformada en fonte.

 

  • A galiña dos poliños de ouro. Conta a lenda que na noite de San Xoán se ve, xunto á fonte, unha galiña cos poliños de ouro.

 

  • O monte oco. Di outra que o monte de Ancos é oco e está cheo de auga. O día que haxa un terremoto ou se fagan máis buratos do debido no monte, sairá toda a auga e inundará Neda.

 

  • Lenda da serpe: Aparece na fonte, ten uns fermosos ollos que enganan a quen a mira e, ás veces, conta contos melodiosos.

 

A serpe do Belelle

 

Unha lenda repetida en Neda, Fene, Cabanas e outros lugares é a dunha gran serpe con pequenas alas, que non lle permiten voar, pero que pretende baixar cara o mar, nadando polo río. Os veciños, atemorizados, colocan no leito uns paus aguzados nos que se crava a serpe e morre en medio de grandes dores.

 

O Cristo da cadea

 

Na igrexa de Santa María de Neda existe unha gran talla gótica, inglesa, de estilo Tudor, cunha cadea no peito, traída por un católico inglés, o capitán John Tudor, debido ás persecucións anglicanas. A lenda di que veu flotando polo mar e que, colocada na igrexa, a imaxe tentou fuxir cara o mar. Recollida unha e outra vez, os feligreses, ao final, encadeáronna ao altar maior.

 

As pedras da Capela de San Isidro

 

Conta a lenda que existía no lugar dos Pazos de San Cidre ou San Isidro un pazo e unha capela adicada ao santo, que de tan vella e sen uso caeu ou se derribou. Os veciños aproveitaron as pedras para facer bodegas, balados, etc. Pero todas estas construcións véñense abaixo cada vez que se realizan, porque as pedras o que queren é que se reconstrúa a capela. As imaxes da antiga capela están hoxe na igrexa de Santa María, e saen en procesión na festa dos Pazos.

 

Fernán Pérez e as panadeiras de Neda

 

Conta a tradición medieval que cando Fernán Pérez de Andrade, señor da comarca, tiña que pasar por aquí para dirixirse a Ferrol ou a outros lugares, xa que Neda era o único, e por tanto, paso obrigado, mandada diante del a un mensaxeiro que chegaba berrando: “Cocede, panadeiras, que aí vén Fernán Pérez”. E é sabido como lle gustaba o noso pan a este señor, e a todos, claro.

 

O demo e as lavandeiras

 

Cóntase que nun lavadoiro da Mourela, pola noite ou ó mencer escóitase un canto melodioso. Os que van mirar, enganados polo canto, atopan ao demo, que os leva con eles.

 

O túnel do Mosterio de Xuvia

 

A lenda di que entre o Convento de Xuvia e Neda existía un túnel baixo a ría, que usaban os monxes para pasar o mar sen mollarse, e incluso para facer diversas xogadas sen que os veciños os viran. Nun tempo había monxes e monxas, ata que varias denuncias de irregularidades nos costumes fixeron que as monxas foran levadas ao convento de Santa Clara, en Santiago de Compostela.

 

As areas do río Xuvia

 

Dise que dende moi cedo, pola mañá recóllense nun lugar determinado areas, que se convirten nunha "flor de auga", de propiedades máxicas e curativas.

 

A banda dos Sopiñas

 

Existiu antigamente unha famosa banda de ladróns e salteadores de camiños e casas, coñecida como "A banda dos Sopiñas", que eran xentes da comarca, capitaneadas por un rico comerciante de Ferrol. Roubaban por toda Galicia. Reuníanse baixo unha gran árbore, fóra de portas, ou no convento de Xuvia, pois hai evidencias históricas de que moitos monxes, nos últimos tempos, en realidade non eran máis que bandidos.