NEDA AXUDA A FORMAR A FUTUROS TÉCNICOS DE TURISMO CUNHA VISITA GUIADA POLO CASCO HISTÓRICO

Neda, 19 de xuño de 2019.- O Concello de Neda organiza para mañá xoves unha visita guiada polo casco histórico da vila, unha iniciativa que cumpre unha dobre función xa que, ademais de axudar a divulgar a riqueza patrimonial no municipio, tamén axuda á formación de dous novos técnicos de Turismo.
Trátase de David Martínez Rodríguez (alumno do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turística do CIPF Rodolfo Ucha Piñeiro) e Tino Rodríguez (estudante do curso de Promoción Turística local e Información ao visitante organizado polo Servicio de Empleo Público Estatal e impartido en London Institute), que actualmente están a realizar as súas prácticas académicas-384 horas e 120, respectivamente- na oficina de Turismo e mesmo no albergue de peregrinos.
Eles serán os que, nunha visita de 60 minutos de duración, acompañarán ás persoas que así o desexen a descubrir os recursos turísticos da vila nun percorrido que dará comezo ás 17.00 horas da igrexa de Santa María e que rematará na de San Nicolás. O programa inclúe a visita interior de ámbolos dous templos e distintas paradas ao longo do itinerario previsto para que os visitantes teñan a posibilidade de se achegar un pouco máis ás moitas singularidades e riquezas que alberga a vila de Neda . A participación é gratuíta.