ALVARIÑO: “CON DEMOCRACIA, PLURALISMO E PLANIFICACIÓN FAREMOS UN CONCELLO AÍNDA MELLOR”

Neda, 15 de xuño de 2019.- Cun pechado aplauso dos asistentes ao acto de investidura, Ángel Alvariño Saavedra, tomou hoxe posesión como alcalde de Neda no transcurso da sesión plenaria que deu comezo ás once da mañá nun salón de plenos ateigado de veciños, amigos e familiares. O que agora comeza será o segundo mandato para o socialista Alvariño Saavedra, que gobernará con maioría absoluta unha corporación na que o PSOE terá nove concelleiros, dous o PP e un tanto o BNG como a formación política Moveneda.
Ao equipo de goberno do 2015 incorpóranse cinco caras novas. Son as de Verónica Vigo Santamariña, Ángeles Fuentes Maceiras, Eduardo Rodríguez Rey, Soraya María Fernández Leal e José Manuel Sanmartín Fornos. A elas ai que engadir ás dos xa veteranos Ana Rosa Pena Barcia, Gonzalo Ferreiro Rego e Ángel Salvador García Cordero, ademais da do alcalde. Na oposición estarán Eduardo Pereira (PP), Roberto Rey (PP), Cristina Bouza Bellón (BNG) e Juan Carlos Pita (Moveneda).
Ángel Alvariño comezou a súa intervención mostrando o seu público agradecemento á persoas que “fixeron que este soño se convertira en realidade”, renovando o seu compromiso coa veciñanza para “construír un concello de progreso, dinámico, transparente e con maior calidade de vida”, e anunciando a súa intención de que buscará o entendemento co resto das forzas políticas para que “en conxunto melloremos os intereses xerais deste pobo”. O alcalde apuntou a continuación estar convencido “de que con imaxinación, sacrificio e diálogo, os renglóns de cada liña que escribamos conxuntamente quedarán ben asentados neste libro onde, insistiu, “os protagonistas seredes vós”, en referencia aos veciños e veciñas de Neda, porque “somos os protagonistas dun cambio político e imos construír entre todos ese novo espazo aberto e plural”.
Noutro momento do seu discurso, o alcalde de Neda tamén apuntou que “non imos perder o tempo en mirar atrás, porque toda acción de goberno ten acertos e erros e porque esta corporación é o presente e aínda quedan moitas cousas por facer”. Dixo que “os froitos da nosa xestión serán en beneficio dos veciños”, aos que Alvariño invitou a “entrar no Concello, para facer política e para acompañarnos nesta travesía”. Na recta final da súa intervención, Alvariño Saavedra tivo palabras de agradecemento para “as nosas familias”, para os anteriores alcaldes “que traballaron polo noso pobo”, entre os que citou a Carlos Pita e Ignacio Cabezón, así como para colaboradores, veciños, votantes e membros da corporación municipal en xeral. E xa para rematar afirmou que “sen discriminacións nin improvisacións, con democracia, pluralismo e planificación faremos un Concello aínda mellor para todos e todas”.