NEDA CONVOCA 90 PRAZAS PARA CONTRIBUÍR Á CONCILIACIÓN FAMILIAR E LABORAL DAS FAMILIAS

Neda, 4 de xuño de 2019.- O Concello de Neda oferta un total de 90 prazas para tomar parte no programa “Conciliamos xogando”. É a iniciativa do goberno local para ofrecer unha alternativa de ocio e coidados a pais e nais traballadores con fillos en idade escolar. As persoas interesadas teñen de prazo ata o día 17 do presente mes para presentar a correspondente solicitude nas oficinas municipais. A actividade estará operativa ao longo do mes de xullo.
A convocatoria vai dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. As prazas cubriranse por orden de inscrición e, no suposto de que a demanda supere a oferta, aplicaranse criterios de valoración como poden ser familias en situación de emerxencia social ou monoparentais, pais e nais traballadoras e unidades familiares con dependentes ao seu cargo, entre outros.
O programa, que mantén a seu carácter gratuíto, volverá ter como referencia as instalacións do colexio San Isidro para acoller un servizo que se desenvolverá de luns a venres en horario de mañá e que dará lugar a excursións, actividades ao aire libre, xogos tradicionais, manualidades e talleres relacionados co medio ambiente e a reciclaxe, entre outras posibilidades.