OS PREMIOS DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA Ó AIRE LIBRE FORON PARA TOLEDO, VALDOVIÑO E VIZCAYA

Neda, 3 de xuño de 2019.- Un total de 14 artistas tomaron parte na segunda edición do concurso de Pintura Rápida ó Aire Libre Concello de Neda, que deixou moi bo sabor de boca entre os afeccionados e convocantes e tres nomes propios. Os gañadores foron Rafael Carrascal García (Toledo) cunha obra da ribeira de San Nicolás; Manuel Carballeira Rivas (Valdoviño), que trasladou ao lenzo o río Belelle ao seu paso por Santa María, e Julio Gómez Mena, (Vizcaya) cun traballo pictórico moi concreto e singular.
O xurado estivo integrado por Manuel Patinha, Pedro Taboada, Javier Garaizábal, Begoña Balsa e Cristina Bouza Bellón, concelleira en funcións de Cultura. Bouza Bellón destacou a calidade das obras e o éxito da convocatoria polo gran interese que o certame está a despertar na xente, “que desfrutou moitísimo”.
A organización repartiu un total de 1.800 euros en premios en metálico entre os gañadores que tamén recibiron os diplomas correspondentes. O premio local -categoría para incentivar a participación dos veciños e veciñas de Neda- volveu quedar deserto. Na súa presente edición o certame de pintura coincidiu coa celebración da segunda xornada da Feira no Camiño, unha iniciativa do goberno de Neda para poñer en valor e darlle visibilidade a artesanía e oficios tradicionais e mesmo para dinamizar o Camiño Inglés.
Un total de 33 postos de artesanía galega, 9 de oficios tradicionais e 6 obradoiros infantís deron vida a un encontro que tivo como epicentro a rúa Real y que reuniu unha morea de xente, tamén grazas ao bo tempo e ás actividades que animaron unha mostra que este ano chegaba a súa cuarta edición.
A concelleira en funcións de Cultura, Cristina Bouza Bellón, valorou o éxito da convocatoria por representar “un encontro coas tradicións culturais e artesanais nosas e pola boa acollida que ten entre a xente”.