A IV FEIRA NO CAMIÑO REUNIRÁ 33 POSTOS E 6 TALLERES PARA POÑER EN VALOR OS OFICIOS TRADICIONAIS

Neda, 29 de maio de 2019.- A rúa Real de Neda será esta fin de semana o epicentro da cuarta edición da Feira no Camiño, unha iniciativa do goberno municipal en funcións para poñer en valor a artesanía, darlle visibilidade aos oficios tradicionais e dinamizar o Camiño Inglés.
Este ano a convocatoria reunirá un total de 33 postos de artesanía e dará lugar así mesmo a 6 obradoiros infantís e un posto de gastronomía, que estará a cargo de La Fábrica de los Manjares.
En canto aos oficios tradicionais estarán a exposición e venda traballos feitos en forxa, vidro, madeira, coiro, fiado, zocas, olería e arame. A participación infantil no programa tamén estará garantida coa celebración de talleres de coiro, fiado, pan, arame e decoración de pezas de cerámica e ten carácter gratuíto.
A estas propostas ademais haberá que sumar as actuacións musicais durante as dúas xornadas e que darán comezo o sábado cun pasarrúas, a partir das once da mañá. Este mesmo día pero, ás 20.30 horas, actuará Ukestra do Medio, unha orquestra de ukeleles de repertorio ecléctico do que forman parte pezas de rock, country, pop, tango, galegas e portuguesas. A animación de rúa, que estará presente ao logo da fin de semana, correrá a cargo do mago Cayetano Lledó.
A programación musical terá continuidade o domingo (día 2) coa actuación do grupo Isla Le Triska, na cal as disciplinas de malabares, pallaso e equilibrios combinaranse con excentricidades e xogos co público. Esta cita será ás 12.00 horas, e ás 13.00 horas tocallare o turno á agrupación A CorRal Polifónica de Aturuxo de Melpómene, da que forman parte mulleres e homes facendo un xogo de voces cun repertorio de cancións de Bowie, Beatles, Raphael e Ses, entre outros autores.
A segunda xornada da IV Feira do Camiño rematará co espectáculo familiar “As mil e unha noites”, a cargo da compañía Ghazafelhos. Esto será ás 18.00 horas, se ben a feira non pechará ata as dez da noite.
O horario de apertura dos postos será de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 22.00 horas. O goberno en funcións de Neda anima á veciñanza e a veciños doutros municipios a visitar a feira e a participar nas actividades nela programadas, xa que un dos obxectivos da convocatoria é divulgar a riqueza nun patrimonio cultural e artesanal moi rico e diverso.