NEDA CONVOCA O CONCURSO DE CARTEIS PARA PROMOCIONAR A SÚA AFAMADA FESTA DO PAN

Neda, 23 de maio de 2019.- O Concello de Neda convoca o certame de carteis anunciadores da XXXI Festa do Pan, unha celebración que este ano será o día 1 de setembro e que representa a principal cita festiva do calendario local.
Promocionar a xuntanza e fomentar a creación artística entre a poboación están entre os obxectivos unha iniciativa aberta a todas as persoas interesadas, xa sexa de maneira individual ou en equipo. A organización establece un único premio por importe de 200 euros. Os interesados teñen de prazo ata o día 18 de xuño para presentar ou enviar, vía correo postal, os seus traballos ao Concello (avenida Algeciras, nº 34, 15510, Neda). Só serán admitidos os que entren dentro de prazo.
Todos os carteis deberán presentarse en soporte dixital e en todos eles terán que figurar o escudo do Concello de Neda, así como a imaxe corporativa da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Pan de Neda e Abanca.
O formato (PDF, JPG ou similar) deberá axustarse ademais para que poida ser reproducido en vertical e cun tamaño A3, mentres que queda á decisión dos concursantes tanto a concepción da obra como a técnica a empregar. No soporte dixital presentado terá que figurar o ficheiro co nome do lema que servirá para preservar a identidade do autor ou autora ata o fallo do xurado. Todo concursante terá a posibilidade de presentar un máximo de dous traballos, aínda cun lema diferente cada un deles.
Dulce María López Fernández (Fene), coa obra “Aura Nedense”, e Alba Permuy Martínez (Neda), coa denominada “Pan Queer de Neda”, foron as gañadoras das edicións 2018 e 2017, respectivamente.
O goberno de Neda anima á participación de novos creativos e deseñadores gráficos nunha convocatoria que invita á orixinalidade e contribúe a divulgar a imaxe máis actual do municipio.