A IV FEIRA DO CAMIÑO DE NEDA SERÁ A PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE XUÑO

Neda, 22 de maio de 2019.- O Concello de Neda organiza para a primeira fin de semana de xuño (días 1 e 2) a IV Feira no Camiño, unha iniciativa coa que se persegue fomentar a participación cidadá e dinamizar o municipio desde o punto de vista social pero tamén económico.
A rúa Real volverá a acoller unha cita aberta á participación gratuíta de comerciantes de alimentación, artesanía e produtos en sistema de re-venta (segunda man). O horario de apertura da feira será de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 22.00 horas. As persoas que poidan estar interesadas en participar teñen de prazo ata este sábado, 25 de maio, para inscribirse a través do correo electrónico do departamento de Cultura (cultura@ neda.es).
O modelo oficial de solicitude xa está accesible na páxina oficial do Concello (www.neda.es) e mesmo nas dependencias municipais. En caso de dúbida o para aqueles interesados que non teñan medios informáticos tamén cabe a posibilidade de entregar persoalmente o escrito na Casa da Cultura de Neda. A organización advirte de que non se admitirán peticións presentadas fóra de prazo ou realizadas de forma diferente á oficial.
Ademais da instancia, os interesados deben achegar a seguinte documentación: ficha de participación, fotocopia do DNI, fotografía recente do posto de venda así como dos produtos a comercializar e unha declaración asinada conforme o titular da solicitude ten realizado o pagamento do Seguro de Responsabilidade Civil. No caso dos postos de alimentación ademais haberá que acreditar que a persoa que estará ao frente do posto é apta para a manipulación de alimentos. A localización e distribución dos postos será competencia exclusiva da organización que ademais asume a contratación do servizo para a vixilancia do recinto, a difusión do evento e a decoración e ambientación da feira mediante a contratación de diferentes actividades.
Pola súa banda, os comerciantes estarán obrigados a manter o espazo limpo, a levar as mesas e soportes necesarios para expor a súa mercancía, a facer uso de lámpadas de baixo consumo e a comezar a montar os postos no antes da tarde do venres 31 de maio ou a partir das oito da mañá do mesmo sábado día 1 de xuño.