O CONCELLO DE NEDA CONVOCA PARA O DÍA 2 DE XUÑO O II CERTAME DE PINTURA RÁPIDA Ó AIRE LIBRE

Neda, 21 de maio de 2019.- O Concello de Neda organiza para o día 2 de xuño a segunda edición do certame de Pintura Rápida ó Aire Libre, unha actividade que o ano pasado reuniu a 37 participantes. O obxectivo é a dar a coñecer o municipio e mesmo promocionar a cultura a través dunha das creacións artísticas máis versátiles. As persoas interesadas pueden incribirse a través do correo electrónico cultura@neda.es ou
ben o mesmo día do certame, entre as 9.00 e 11.00 horas na Casa das Palmeiras (avenida Algeciras, nº 47).
A organización establece un total de tres premios e unha categoría especial para incentivar a participación da poboación local. Os participantes de Neda deberán acreditar a súa vinculación co municipio mediante xustificante do padrón ou documento de pago de calquera tipo de imposto ou taxa. A contía dos premios oscila entre os 1.000 e os 200 euros. Os gañadores tamén recibirán diplomas. Os premios estarán suxeitos ás retencións fiscais correspondentes.
O estilo e a temática serán libres e a participación vai dirixida a persoas maiores de idade de calquera nacionalidade. A idea é capturar a paisaxe, as xentes ou os costumes da localidade nunha obra pictórica a realizar “in situ” e a executar nunha área delimitada pola organización.
Cada participante deberá achegar o seu propio material -incluído o cabalete-, realizar a obra sobre un soporte ríxido e axustar o tamaño da mesma ás medidas establecidas pola organización, que van dos 50x50 centímetros que pode ter a máis pequena ata os 100 x81 da máis grande.
Os concursantes disporán dun total de seis horas para realizar unha obra de estilo e técnica libre. As pinturas entregaranse na Casa das Palmeiras, a partir das cinco da tarde, e só unha hora despois, ás seis, darase a coñecer o nome do gañador. Unha vez entregados os premios, os autores dos cadros non premiados poderán asinar as obras realizadas e poñelas á venda ata as oito da tarde.
As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Concello de Neda ou das persoas ou entidades que patrocinen o certame, o mesmo que os dereitos de reprodución. Raúl Gil Burés, Dauga Jean Jacques e José Ignacio Amelivía García foron os gañadores da primeira edición do certame e as súas obras xa están a decorar as paredes da Casa do Concello.