A ADVERSA METEREOLOXÍA INTRODUCE CAMBIOS NA PROGRAMACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Neda, 14 de maio de 2019.- O Concello de Neda vén de introducir cambios na programación do Día das Letras Galegas polas adversas previsións metereolóxicas. Así, o espectáculo “Un verso, un cantar” mantén a data, será o venres 17, pero trasládase do exterior da Casa das Palmeiras ao interior da Casa da Cultura. Dará comezo ás 19.00 horas e ten carácter gratuíto.
“Un verso, un cantar” nace como resultado do compromiso e amor pola cultura galega da compañía Queiman e Pousa, que fai unha fusión poética e musical de poemas de artistas tan recoñecidos como Eduardo Pondal, Pascual Veiga, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Bruxo Queiman e Andrea Pousa é o equipo artístico, e a música correrá a cargo dun trío formado por contrabaixo, teclados e percusión. Trátase dun espectáculo ambientado a principios do século XX no que a poesía e a canción van da man, en homenaxe á emigración galega.
Así mesmo, a proxección do documental sobre Antón Fraguas, prevista inicialmente para o día 24, finalmente será o día 29 na Casa da Cultura, a partir das 20.30 horas.