TEATRO, MÚSICA E POESÍA PARA CELEBRAR O 17 DE MAIO NO CONCELLO DE NEDA

Neda, 8 de maio de 2019.- O Concello de Neda celebra o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Antón Fraguas, con actos que darán comezo este domingo (12 de maio) e rematarán o venres 24 coa proxección dun documental sobre o homenaxeado dirixido por Gonzalo E. Veloso.
A primeira cita consistirá na representación da obra “Os romeiros do caracol” que, baseada nun estudio realizado por Fraguas sobre as festas populares, correrá a cargo de “Fantoches Baj”. Será o próximo domingo nas inmediacións do albergue de peregrinos, a partir das 12.00 horas. Trátase dun espectáculo familiar, de 50 minutos de duración, que recrea a volta a casa de dous irmáns despois de cumprir a ofrenda que lle prometeron ao seu defunto avó de levalo a San Andrés de Teixido en forma de caracol, xa que non fora de vivo. Monicreques, cartel de cego, máscaras e reque-reque son algúns dos recursos do teatro popular que forman parte dunha actuación con música en directo interpretada polo acordeón diatónico de Carlos Quintá.
A actividade trasladarase ao día 17 coa celebración dun espectáculo ambientado a principios do século XX no que a poesía e a canción van da man, en homenaxe á emigración galega. Será ás 19.00 horas no exterior da Casa das Palmeiras. “Un verso, un cantar” nace como resultado do compromiso e amor pola cultura galega da compañía Queiman e Pousa, que fai unha fusión poética e musical de poemas de artistas tan recoñecidos como Eduardo Pondal, Pascual Veiga, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Bruxo Queiman e Andrea Pousa é o equipo artístico e a música a porá un trío formado por contrabaixo, teclados e percusión.
A programación das Letras Galegas pechará o día 24 de maio coa proxección do documental sobre Antón Fraguas, que dará comezo ás 20.30 horas e que terá lugar na Casa das Palmeiras. Presentación de “Silencios” na Casa das Palmeiras A Casa das Palmeiras acollerá o sábado, día 11 de maio, a presentación do libro “Silencios...”, un compendio de textos de Amelia de Querol e fotografías de Lucas Blanco. O acto dará comezo ás 20.30 horas.