NEDA INCREMENTA A CALIDADE DA AUGA E AFORRA 50.000 KW/ANO DE CONSUMO ELÉCTRICO CON MELLORAS NA REDE DE ABASTECEMENTO

Neda, 7 de maio de 2019.- O Concello de Neda vén de introducir melloras na rede municipal de abastecemento de auga que reducen o consumo eléctrico e optimizan a súa calidade. Así, cada tres meses a administración local rebaixa en 12.500 KW o gasto eléctrico, o que eleva a cifra ata os 50.000 ao cabo do ano e representa un importe aforro para as arcas municipais.
Desde o executivo local destácase especialmente a elevada calidade da auga que agora chega ás vivendas a través da rede municipal, polo que invita á veciñanza a consumir directamente auga da traída para evitar un gasto innecesario coa compra de botellas e para contribuír ao conservación do medio ambiente reducindo a presenza de plásticos e a contaminación que estes xeneran en océanos e vertedoiros.
O investimento alcanzou os 60.000 euros e as obras executadas foron a recuperación os mananciais da Peteirella e a incorporación da subministración da captación da Rabadeña. Coa primeira actuación o Concello garante un volume anual de 50.000 metros cúbicos de auga que, por gravidade, se incorpora á rede desde o depósito dos Pazo sen necesidade de pasar pola Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) para ser potabilizada. Esto representa un descenso de consumo eléctrico de máis de 30.000 KW ao ano. A lexislación sanitaria só obriga a realizar unha adición de desinfectante en augas de gran calidade e pureza, como é no caso do manancial da Peteirella.
No que respecta á captación da Rabadeña, o aforro enerxético é de 20.000 KW na factura eléctrica. Esta cifra obedece ao feito de ter rebaixado unha media de catro horas ao día o funcionamento da ETAP para impulsar o caudal desde a planta ata o depósito situado na mesma zona
da captación. Agora a auga chega polo seu propio peso ata o depósito desde o que se abastecen ás zonas máis altas do municipio, como son A Mourela, O Roxal ou Casadelos. Estas accións completáronse con melloras introducidas na ETAP. Entre outras, destaca a incorporación dun equipo que permite a medición en continuo dos parámetros que garanten a calidade da auga tratada con PH, turbidez, temperatura, cloro libre, entre outros. Este sistema fai que de maneira telemática se poida ter control minuto a minuto tanto da calidade da auga distribuída ás vivendas de Neda como da que chega directamente dos mananciais.
O consumo medio diario da localidade de Neda é de 1.100 metro cúbicos.
O goberno de Neda ten entre as súas prioridades garantir o abastecemento, mellorar o funcionamento do servizo e mesmo a calidade da auga, así como reducir ao mínimo a pegada de carbono na xestión da auga.