O CONCELLO ENTREGOU OS PREMIOS DA INICIATIVA CULTURAL E DE LECER “MISIÓN: NEDA!”

Neda, 2 de maio de 2019.- O salón de actos da Casa da Cultura encheuse de risas e expectación durante o peche do proxecto “Misión: Neda!”. As risas chegaron co espectáculo surrealista e participativo “Mere cidamente”, do malabarista e pallaso MereClown. El foi o encargado de entreter o público adulto e infantil que ateigaba a sala xusto antes da chegar ao momento máis agardado: o sorteo de catro táblets entre a mocidade que conseguiu descubrir o enigma proposto na misión. Os ganadores foron Lois López, Eduardo Rodríguez, Adrián Ameneiros e Kevin Graña. A responsable da área de Educación, Cultura, Turismo e Patrimonio, Cristina Bouza Bellón, agradeceulles ás nenas e nenos e tamén ás familias a súa participación nunha iniciativa que tiña entre os seus obxectivos “reforzar o sentemento de orgullo por ser de Neda”. Algo que o seu departamento incentivou propoñendo descubrir a historia e o patrimonio municipal seguindo tres cadernos didácticos nos que se repasa a evolución do territorio desde o Neolítico ata practicamente a actualidade. Ademais, con cada entrega -feita nos coles por personaxes da historia nedense interpretados pola actriz Silvia Casal- tamén se facilitou un mapa para atopar varias letras coas que compoñer unha misteriosa frase final. O proxecto comezou o 15 de marzo e finalizou o venres da semana pasada, último día para que a cativería verificase nos coles ou na biblioteca municipal a correcta resolución do enigma. A solución: “Neda, un concello incrible”, 22 letras repartidas sen unha orde determinada por outros tantos lugares de certa relevancia histórica ou patrimonial. “Como curiosidade cómpre comentar que para atopalas todas foi necesario percorrer uns 30 quilómetros do municipio”, asegurou a concelleira recoñecendo “o grande esforzo” que supuxo para grandes e pequenos completar. Segundo Cristina Bouza, foron preto de 200 familias as que se interesaron por esta actividade que tamén perseguiu “facerlle chegar a todas elas un pouco máis do coñecemento sobre o medio que nos rodea e sobre a historia do noso concello, que ten aspectos moi importantes e destacados”. Finalmente foron 114 as nenas e nenos que completaron a misión e que depositaron na urna o seu nome e apelidos para entraren no sorteo dos catro premios cos que se engadaba a súa participación no proxecto. Con axuda de MereClown -o pallaso que animou a tarde do martes nun espectáculo con entrada libre- a concelleira foi sacando un por un os ganadores das táblets: Lois López González, de 7 anos; Eduardo Rodríguez Maragoto, de 10; Adrián Ameneiros Cazorla, de 12 anos, e Kevin Graña Vilela, de 9. A entrega dos premios púxolle o ramo á un proxecto que de cara a próximos anos pode propoñer novos retos tomando como base os mesmos contidos deseñados para esta primeira edición. De feito, tal e como destacou Bouza Bellón, os cadernos están dispoñibles para consulta na biblioteca municipal e tamén seguirá a activa a web www.misionneda.gal, que amplía o material impreso con reseñas máis amplas, máis fotografías e mapas interactivos sobre o territorio.
Un traballo que, en palabras da concelleira, vén complementar a “tradición” historiográfica municipal iniciada polo bibliotecario e estudoso local Manolo Grueiro a través da Revista de Neda. “A web que acompaña o proxecto e os cadernos que se repartiron contribúen a aumentar toda a documentación que hai sobre Neda para que os veciños e veciñas a teñan á man para consultala en calquera momento”, sinalou a responsable de Educación e Cultura.