O CONCELLO SORTEARÁ ESTE MARTES AS CATRO TÁBLETS DE “MISIÓN: NEDA!”

Neda, 29 de abril de 2019.- “Neda, un concello incrible” é o misterioso enigma final que se escondía no proxecto “Misión: Neda!” impulsado pola área municipal de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo do Concello de Neda. É a frase que condensa a esencia da iniciativa, coa que se tentou achegarlles á rapazada e as súas familias toda a riqueza histórica e patrimonial do territorio local. Desde mediados de marzo, maiores e cativos tiveron que percorrer o municipio á procura das 22 letras da frase utilizando como guía os tres cadernos publicados, a web www. misionneda.gal e os mapas subidos a Google.
O Concello repartiu preto de 200 cadernos e, finalmente, foron 114 familias as que completaron correctamente a aventura. Mañá martes, ás 19.30 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá o sorteo público de catro táblets entre as participantes que deran co enigma. Será xusto despois do espectáculo “Mere cidamente” de MereClown, aberto tanto a quen seguise Misión: Neda! como a quen queira pasar un rato de humor.
No Facebook do Concello de Neda xa está publicada a folla coas claves do enigma, con indicación do número de orde e os lugares onde se encontraba cada unha das letras. Atrás queda mes e medio de pescuda visitando todo o municipio, pero tamén de aprendizaxe descubrindo patrimonio, historia e múltiples curiosidades que, se cadra, grandes e pequenos descoñecían. Agora conclúe o proxecto co acto que terá lugar mañá martes -véspera de festivo- na Casa da Cultura e que consistirá no sorteo de catro táblets entre todos os acertantes da frase. Estímase que nesta iniciativa participaron lomenos de 400 persoas, tendo en conta que se repartiron cerca de 200 cadernos e que o reto que se propuña era para facer en familia. Ao remate da serie histórica sobre Neda, 114 nenas e nenos verificaron o cumprimento do reto e botaron nas urnas dos colexios e da Biblioteca Municipal as súas papeletas para poder participar no sorteo.
Neste sentido, desde o Concello cualifícase o programa como “un éxito”, xa que se estima que o completaron “entre 300 e 400 persoas”, habida conta de que os escolares debían ir sempre na compaña de familiares adultos. Tal e como comenta a titular da área de Cultura, Cristina Bouza Bellón, “durante as últimas semanas vimos varios grupos á procura das letras da misión, polo que a cifra non vai moi desencamiñada. Ademais, tamén sabemos doutra xente que completou parte do enigma e outra que o fixo igualmente malia superar os 16 anos e non poder entrar no sorteo, que vai dirixido a nenas e nenos”.
Rapazada, familias e público en xeral poderán asistir ao sorteo co que se pecha esta primeira edición de “Misión: Neda!”. O evento comezará ás 19.30 horas co espectáculo de humor e circo “Mere cidamente”, da man de MereClown. Serán 50 minutos de risas e números sorprendentes aptos para todos os públicos que precederán o momento de sacar das urnas os nomes dos nenos e nenas afortunados cos catro agasallos.