NEDA ENTREGOU OS PREMIOS DO PRIMEIRO CONCURSO “DEBUXA E PINTA O TEU PERSONAXE FAVORITO”

Neda, 17 de abril de 2019.- Xandre Dopico Martínez (4 anos), Brais Martínez Monteagudo (8 anos) e Lucía González Gandoy (10 anos) son os nomes dos tres gañadores do primeiro concurso “Debuxa e pinta o teu personaxe favorito” organizado polo Concello de Neda con motivo do día adicado ao libro infantil (2 de abril).
Un total de trinta escolares dos colexios Maciñeira e San Isidro tomaron parte nunha convocatoria cuxo obxectivo era fomentar a lectura entre os nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos.
O xurado, formado por Cristina Bouza Bellón (concelleira de Cultura), Cristina Gómez Martínez (bibliotecaria) e Carla Villaamil Abad (profesora de debuxo e pintura do grupo infantil da Asociación de Amigos das Artes As Palmeiras) valorou a orixinalidade do debuxo e mesmo dos textos. Tratábase de crear e de debuxar un personaxe literario favorito, xa fose animal, persoa ou heroe acompañado dun pequeno texto no que se tiña que explicar o porqué da elección.
Os premios consistiron en vales, por importe de 60 euros, para canxear na librería Galicia. O acto de entrega, que estivo presidido pola titular de Cultura, Cristina Bouza Bellón, tivo lugar o pasado venres na biblioteca municipal.