JOSEPH CONRAD É O AUTOR DAS XVII XORNADAS LITERARIAS QUE SERÁN OS DÍAS 25 E 26 DESTE MES

Neda, 17 de abril de 2019.- O Concello de Neda organiza para os días 25 e 26 a edición número dezasete das súas a Xornadas Literarias, unha iniciativa coa que se pretende achegar aos lectores a obra dos grandes autores a través da opinión e os coñecementos dos expertos. Este ano será a figura e a produción literaria de Joseph Conrad a que se someterá á consideración de cualificadas voces.
A Casa das Palmeiras acollerá o desenvolvemento das catro conferencias incluídas na programación, para a que a administración local conta coa colaboración da Universidade da Coruña, a través da Facultade de Humanidades de Ferrol. A actividade dará comezo ás 20.00 horas do próximo xoves coa intervención do club de lectura “A Pantasma de Papel” do IES Fernando Esquío baixo a dirección de Loles Paris. A continuación, a catedrática e directora do departamento de Filoloxía Inglesa e profesora titular de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña, María Jesús Lorenzo Modia, pronunciará a conferencia “A recepción de Conrad no século XXI”. Dúas novas citas terán lugar na xornada do venres 26. Neste caso, o escritor e crítico literario Sergi Bellver falará dos “Tres exilios de Joseph Conrad”, mentres que Xosé Manuel Outeiriño, doutor e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación, ademais de poeta, ensaísta e tradutor, farao do “Escepticismo e crítica social en Joseph Conrad”.
Esta programación tamén dará comezo ás 20.00 horas e será nas instalacións da Casa das Palmeiras. Trátase dunha actividade aberta a todas as persoas, como tamén para as que son amantes da literatura en xeral ou para as que simplemente queren ter contacto co mundo a cultura a través do análise que os expertos fan deste recoñecido escritor. Os interesados tamén poden garantir a súa asistencia apuntándose por adiantado no teléfono da Casa da Cultura (981 390 233) ou ben a través do correo (cultura@neda.es).