NEDA ORGANIZA PARA MAÑÁ UNHA SESIÓN DE CONTACONTOS CUNHA MENSAXE SOCIAL

Neda, 9 de abril de 2019.- A programación de Lésme un conto? volve este mércores a Neda da man da obra “O corazón de Lolo”, unha historia cunha mensaxe social e orientada a participación de nenos e nenas con idades entre os 3 e 9 anos. A convocatoria será ás 18.30 horas e terá lugar na biblioteca municipal. A duración do encontro é de 45 minutos.
O conto narra as dúbidas dun pato, chamado Lolo, que vai pasar uns días cunha familia que non é a súa. É argumento co que a Cruz Vermella, a través da campaña “Abre outra porta no teu corazón”, trata de aumentar o número de familias acolledoras para garantir axuda a menores que atravesan unha situación de crise ou dificultade nas súas familias que lles impiden atendelos correctamente de maneira temporal.