A SEGUNDA ETAPA DA ANDAINA SANTIAGO-FISTERRA SERÁ O DOMINGO ENTRE NEGREIRA E SANTA MARIÑA

Neda, 21 de marzo de 2019.- Coa participación de case un cento de persoas, o Concello de Neda convoca para o próximo domingo a segunda das catro andainas que terán como obxectivo percorrer a pé os 90 quilómetros que existen entre a cidade de Santiago de Compostela e a localidade de Fisterra.
Nesta ocasión, a iniciativa discorrerá entre as poboacións de Negreira e Santa Mariña. A distancia a cubrir é de 20,8 quilómetros.
A saída, como xa aconteceu o día 17 e sucederá o 31 de marzo e o 7 de abril, producirase ás 7.30 horas das inmediacións do albergue de peregrinos. Desde este emprazamento, os participantes viaxarán en autobús ata o punto de partida da etapa correspondente e unha vez finalizada a andaina volverán a subirse nel para facer a viaxe de regreso ata a vila de Neda.
O importe dos desprazamentos, así como a contratación de monitores e do seguro, estaban incluídos na cota de inscrición, cuxa cuantía foi de 40, 50 e 30 euros, xa que ía en función da idade e do lugar de residencia dos participantes.
As seguintes etapas son Santa Mariña-ermida Nosa Señora das Neves (23 quilómetros) e ermida Nosa Señora das Neves-Fisterra (25 quilómetros).