COMEZA MISIÓN NEDA

Neda, 15 de marzo de 2019.- Hoxe arranca oficialmente o proxecto Misión: Neda!, -www.misionneda.gal- co que a área de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo do Concello de Neda lle propón á rapazada e ás súas familias descubrir o territorio dun xeito distinto e, de paso, resolver nas próximas semanas un misterioso enigma final co que poderán gañar unha táblet. Para iso deberán atopar 22 letras, que irán aparecendo por distintos puntos do concello de quince en quince días até o vindeiro 12 de abril. As cinco iniciais, correspondentes á primeira entrega do proxecto, xa están colocadas en lugares emblemáticos de Neda sinalados no caderno que se entregou esta mañá. Quen non o teña pode recollelo na Biblioteca Municipal.
Quen xa recibiron o material foron os nenos e nenas de Primaria dos colexios de Maciñeira e San Isidro. Levaron para a casa nun sobre o cartafol do proxecto -onde aparecen as casiñas baleiras do enigma que han de resolver- e o primeiro caderno, no que se lles describe a historia e o patrimonio do concello desde o Neolítico até o comezo da Idade Media.
libriño tamén se inclúen o mapa e mailos nomes dos lugares onde atopar as cinco primeiras letras da frase final. Sitios aos que deberán ir obrigatoriamente na compaña dunha persoa adulta. A medida que vaian localizándoas deberán anotalas nos recadros numerados que figuran na carpeta. Os seguintes dous cadernos, xunto coas localizacións de novas tandas de letras, estarán dispoñibles o 29 de marzo e o 12 de abril, co que se dán dúas semanas entre entrega e entrega para ir avanzando na resolución do enigma.
A explicación do proxecto e da mecánica do xogo ofrecéullela a mítica Laureana, protagonista dunha das lendas máis coñecidas do monte de Ancos. A moza que, segundo se conta, quedou convertida en fonte hai milleiros de anos aparecéuselle á rapazada para contarlle a súa historia e a maneira en que unha malvada bruxa a enfeitizou transformándoa en queixo, aínda que logo, por obra da maxia, mudou en cabalo e finalmente en auga.
Cos ollos abertos coma pratos e as orellas ben prestas, os nenos e nenas de San Isidro e Maciñeira escoitaron atentamente o relato de Laureana -interpretada por Silvia Casal-, quen se aplicou a fondo para espertar a curiosidade da cativería e para animala a que descubra a riqueza histórica e patrimonial de Neda.
Iso si, Laureana insistiulles moito aos pequenos en que é obrigatorio que lles axuden mamás, papás, avós, avoas... ou calquera outra persoa adulta da familia, lendo primeiro os cadernos para comprendelos ben e, logo, achegándose xuntos aos lugares onde están os carteis coas letras.
Misión: Neda! é unha iniciativa da Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo a medio camiño entre o lecer ao aire libre e a cultura, coa que se pretende implicar ás familias no coñecemento do municipio. O proxecto estaba pensado nun principio unicamente para rapazada de entre 8 e 14 anos dos dous CEIPs locais. Porén, ante a expectación que levantou a resolución do enigma, o Concello decidiu abrilo até os 16 anos e mesmo á participación de familias de municipios limítrofes, que poderán recoller a carpeta e os cadernos na Biblioteca Municipal.