NEDA PRESENTA ALEGACIÓNS AO PLAN DE EXPLOTACIÓN DE TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADAS

Neda, 15 de marzo de 2019.- O Concello de Neda vén de presentar as súas alegacións ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte de viaxeiros por estrada elaborado pola Dirección Xeral de Mobilidade e actualmente en fase de exposición pública. O goberno municipal, se ben valora e aplaude a ampliación da liña do porto ata a zona do Puntal, tamén entende que non están contempladas outras demandas que resultan acaídas para fixar poboación nin as necesarias para favorecer a conciliación da vida familar e laboral. Dentro deste paquete, o executivo local propón crear unha conexión entre a liña As Neves-Praza de Galicia (XG6410101) e a XG64211701, á altura de Fene, coincidindo cos horarios de entrada e saída aos centros educativos e asistenciais. O goberno de Neda considera que este novo servizo podería ser de interese tanto para os veciños de Fene como para outros da zona, xa que permitiría viaxar a municipios da comarca, incluído o de Neda. No que respecta á liña XG64104, entre As Neves e a Praza de Galicia, o goberno de Neda fala da necesidade de correxir as limitacións que a día de hoxe teñen os veciños da zona rural por carecer de transporte en horario de mañá. Segundo os responsables municipais, “na situación actual se lles está a privar dun servizo básico para acceder aos recursos asistenciais e de ocio do Concello ou doutras zonas comarca”, ademais de apuntar que tampouco existe integración respecto do tranporte escolar.