COMEZA A CORRER O PRAZO DE DOUS MESES PARA PODER GOZAR DA NOVA ÁREA DE LECER DOS SUBARREIROS

Neda, 14 de marzo de 2019.- Esta semana deron comezo os traballos que transformarán a zona dos Subarreiros na nova área de lecer do centro urbano da vila de Neda. O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, destacou que a obra se executa coa intención de facer desta zona “o punto e encontro e reunión de nedenses de diferentes idades e co propósito, así mesmo, de atraer a xente de fóra para facer desde lugar un novo reclamo turístico e social da vila de Neda”. O rexedor amosouse confiado en que a empresa cumprirá os prazos para que o proxecto poida ser inaugurado antes do verán.
A obra, contratada polo Concello en 82.070,54 euros e cun prazo de execución de dous meses, dará lugar á construción dunha pista polideportiva, un parque infantil que se situará nas inmediacións do xa existente e unha área de lecer con mesas e bancos para que a xente poida gozar do lugar.
Estas novas infraestruturas ocuparán case 2.000 metros cadrados dos 14.000 que no ano 2017 foron cedidos, polo daquela chamado Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente e agora Ministerio de Transición Ecolóxica, ao Concello de Neda por un período de trinta anos.
A pista polideportiva será pechada pero non cuberta, ocupará unha superficie de 1.125 metros cadrados e está pensada para acoller partidos de baloncesto, balonmán, fútbol sala, voleibol e tenis. A estrutura terá 45 metros de longo por 25 de ancho e o pavimento será de cuarzo de cor verde.
Pola súa banda, o parque infantil ocupará outros 130 m2 duns terreos gañados no seu día ao mar e disporá de catro torres para que os menores poidan facer uso de pirámides de corda, tobogáns e balancíns.
O último elemento, aínda que non menos importante, é a zona recreativa, que constará de mesas, grelladas e papeleiras de ferro fundido para que veciños e visitantes dispoñan das máximas comodidades para pasar un día ao aire libre.
O Concello de Neda tamén está á espera da autorización da Demarcación de Costas para completar a intervención que vén de comezar coa realización dunha pista de skate e de bicicletas. O proxecto arrincou coa limitación da zona afectada polo proxecto e cos primeiros movimentos de terra.