COA REPRESENTACIÓN DA OBRA “INSUBMISIÓN” NEDA RETOMA OS ACTOS POLO DÍA DA MULLER

Neda, 13 de marzo de 2019.- Neda retoma este venres (día 15) a programación do 8M coa representación da obra “Insubmisión”, a cargo de teatro Andamio. A Casa da Cultura acollerá unha cita que dará comezo ás 20.30 horas. Trátase dunha peza escrita por Rosa Molero, que será interpretada por Gema Ulloa e Fran Giraldo e que fala de violencia na parella pero dun xeito subxacente, facendo crecer a tensión dramática e tamén articulando unha esperanza e propoñendo unha rebelión ante esta situación. O prezo da entrada é de 2 euros para maiores de 12 anos e as localidades poderanse retirar, a partir do xoves, na Casa da Cultura en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
Os actos arredor do Día da Muller aínda terán continuidade os seguintes venres de marzo. Así, o día 22 a Casa da Cultura acollerá a proxección do documental “Muller(es)Muller” e un posterior coloquio, no que mulleres de tres xeracións falarán dos seus desexos, as súas loitas e tamén das súas contradicións. “Muller(es)Muller” ofrece unha visión do papel que desempeñan as mulleres na sociedade actual, dos obstáculos que atopan e dos esforzos que realizan para definir a súa propia identidade día a día. É un traballo realizado coa colaboración do Instituto da Muller e a participación das escritoras Marilar Aleixandre, Olga Novo, Yolanda Castaño, María Reimóndez, Chus Pato e Carmen Blanco.
A última cita será el 29 de marzo na Casa das Palmeiras e consistirá na presentación do libro “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión” de Carme Adán e editado por Galaxia. Na obra, a autora trata de analizar o significado do patriarcado e como se adaptou aos novos tempos. O acto dará comezo ás 20.30 horas.