A ANDAINA SANTIAGO-FISTERRA COMEZARÁ ESTE DOMINGO CUNHA ASISTENCIA DE CASE 100 PERSOAS

Neda, 12 de marzo de 2019.- Case un cento de persoas tomarán parte na andaina que, organizada polo Concello, levará aos participantes a viaxar a pé de Santiago de Compostela a Fisterra, dando así continuidade á realizada o ano pasado desde Neda á cidade do Apóstolo a través do Camiño Inglés.
A iniciativa, que se levará a cabo nun total de catro etapas, dará comezo este domingo cun percorrido de 21 quilómetros entre Santiago e a localidade de Negreira. Tanto esta como as posteriores saídas terán como punto de partida o albergue de Neda e produciranse ás 7.30 horas.
As seguintes etapas son: día 24 de marzo -Negreira-Santa Mariña (20,8 quilómetros)-, día 31 de marzo -Santa Mariña-Ermida Nosa Señora das Neves (23 quilómetros)- e día 7 de abril -ermida Nosa Señora das Neves-Fisterra (25 quilómetros)-.