A VECIÑANZA DE NEDA RECICLOU 2.405 LITROS DE ACEITE USADO DURANTE O EXERCICIO DE 2018

Neda, 1 de marzo de 2019.- O Concello de Neda vén de acadar unha “recollida histórica” de aceite vexetal usado, segundo a empresa procesadora, o que leva ao goberno municipal a valorar “a implicación da veciñanza na conservación do medio ambiente cun xesto tan sinxelo como pode ser o de deixar o residuo no contedor correspondente”. Durante o ano pasado, os veciños e veciñas de Neda deixaron de verter polas tubaxes un total de 2.405 litros de aceite usado, un produto que botado na auga podería chegar a contaminar 2.645.500 litros.

 

Neda dispón a día de hoxe dun total de 6 recipientes, situados na zona urbana, para a recollida de aceite. Segundo os datos facilitados pola adxudicataria do servizo, os situados na avenida de Algeciras e o de Santa María, con 910 e 460 litros/ano, son os que reciben unha maior achega por parte dos veciños, seguidos do que está na zona da Muchiqueira (390 litros) e o da avenida de Xuvia (310). Os menos produtivos son os situados no segundo tramo da avenida Algeciras (170) e na Mourela Baixa (165).

 

O equipo de goberno invita aos nedenses a seguir colaborando para, na medida das súas posibilidades, evitar danos irreversibles na natureza, ademais de apostar polo bo uso dos servizos municipais.