O NÚMERO 10 DO BOLETÍN “NEDA NO CAMIÑO” XA SE ESTÁ A REPARTIR POR TODOS OS FOGARES DO MUNICIPIO

Neda, 26 de febreiro de 2019.- O Concello de Neda está a repartir o número 10 do boletín “Neda no Camiño”, unha publicación que nesta ocasión cumpre unha dobre función. Así, ademais de informar, serve para convocar á veciñanza a desfrutar das festas de Entroido que están á volta da esquina. O calendario destas celebracións populares ocupa as principais páxinas dun boletín no que tamén teñen cabida outras convocatorias sociais. Entre elas, a segunda edición da Gala Benéfica contra o Cancro Infantil, que será o día 3; a XV Xuntanza de Palilleiras, que este ano terá lugar o sábado 9 de marzo, e a Comida Interxeracional que, prevista para o día 10, ten como obxectivo reunir a todos os membros dunha mesma familia coa excusa de degustar un bo cocido. Na publicación tamén se poden encontrar a programación que o Concello promove con motivo do día dedicado á muller traballadora (8M), e o nome de Joseph Conrad como o escritor no que se pousarán todas as miradas durante a celebración das XVII Xornadas Literarias, que xa serán no mes de abril e para as que a administración local volve contar coa colaboración da Universidade da Coruña. Neste número de “Neda no Camiño” existen así mesmo espazos para enumerar as últimas intervencións realizadas polo goberno para mellorar a red de vías municipais e os primeiros pasos de obras tan relevantes como poden ser a traída de auga da Rabadeña e a creación dun novo espazo de ocio nos Subarreiros. Coa homenaxe que desde o Concello se quere facer á Asociación Filigranas por conservar e transmitir a arte do encaixe pecha o boletín do mes de febreiro.