NEDA INCREMENTA ATA AS 6.647 HORAS DO SERVIZO DE AXUDA AO FOGAR, QUE AGORA LEVA A EMPRESA ULLA SAR

Neda, 29 de Xaneiro de 2019.- O Concello de Neda incrementa a atención ás persoas con dependencia coa entrada en servizo, a partir do día 1 de xaneiro, da empresa Ulla Sar como nova concesionaria do servizo de axuda ao fogar, e máis coa incorporación das 600 horas que vén de conceder a Xunta a un municipio con problemas demográficos. O cambio estase a notar principalmente na ampliación das prestacións durante as fins de semana e días festivos, aínda que o servizo limitarase exclusivamente ao aseo persoal. Cunha poboación de algo máis de 5.000 habitantes, dos que case a metade son maiores de 65 anos, o goberno municipal valora de maneira especial unha mellora que beneficia tanto ás persoas dependentes como aos seus coidadores.
A día de hoxe, un total de 227 persoas están adscritas a unha prestación cun total 6.647 horas de servizo, das que 4.447 corresponden a dependencia e as 1.200 restantes a libre concorrencia. O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, destaca o esforzo da administración local por adecuar o servizo ás necesidades da xente e entende que os resultados das melloras implícitas neste novo contrato tamén se deixarán sentir no benestar das persoas. A contratación do servizo de axuda ao fogar resultou aprobada polo pleno da corporación o día 22 de outubro de 2018, por importe de 768.398, 40 euros. A súa vixencia é de dous anos, prorrogables por outros dous.