NEDA ABRE O PRAZO PARA PARTICIPAR EN EL FESTIVAL DE COMPARSAS DO DÍA 1 DE MARZO

Neda, 23 de Xaneiro de 2019.- O Concello de Neda abriu hoxe o prazo de inscrición para tomar parte no Festival de Comparsas que o equipo de goberno programa para o día 1 do próximo mes de marzo.
O período para apuntarse finalizará o día 14 de febreiro.
A novidade que se puxo en marcha o ano pasado, de incentivar a participación das comparsas e grupos cun incentivo económico, consolídase nesta edición con idénticos importes. As agrupacións que contribúan ao enriquecemento do encontro festeiro recibirán 100 euros máis, ademais dos 250 que percibirán cada unha das comparsas e os 150 consignados para os grupos.
Estas actuacións, voluntarias pero valoradas pola organización, levaranse a cabo en horario comprendido entre as 18.00 e 20.00 horas e terán lugar no barrio ou zona que consideren os convocadores, xa que se trata de impulsar a animación e participación da veciñanza nas celebracións populares do inverno.
O número máximo de comparsas participantes será de oito, segundo a orde de presentación de solicitudes no rexistro xeral do Concello, e de grupos serán tres, seguindo o mesmo criterio. Enténdese por comparsa o conxunto de persoas debidamente disfrazadas, nun número non inferior a cinco. Terá que ter unidade temática e as letras das cancións deberán estar escritas en galego e un dos temas ademais terá que ter como referencia Neda ou persoeiros da vila. Considérase grupo o conxunto de personas disfrazadas, nun número inferior a dez e coa mesma temática na súa vestimenta. En el momento de apuntarse, tanto as comparsas como os grupos deberán facer constar o nome da formación, o número das persoas que as integran, a referencia da conta bancaria e o nome, DNI, dirección e teléfono do seu representante. As comparsas ademais deberán presentar unha copia das cancións que interpretarán no transcurso do Festival de Entroido. O Concello establece un máximo de tres galardóns, aos que optarán as formacións que obteñan unha maior puntuación.
As comparsas e máis os grupos inscritos protagonizarán o día 1 de marzo a concentración que dará comezo ás 20.00 horas e que terá como punto de partida a antiga estrada da Estación. A continuación, a comitiva desfilará ata o pavillón polideportivo, onde terán lugar as actuacións. Cada unha delas consistirá nun pase único, interpretando un máximo de dúas cancións e cunha duración máxima de oito minutos.
As formacións que poidan estar interesadas tamén poden consultar as bases de participación na páxina web do Concello (www.neda.es).