O MERCADO SOLIDARIO DE NADAL DAS AMAS DE CASA ESTARÁ ABERTO DO 6 AO 9 NA CASA DAS PALMEIRAS

Neda, 5 de Decembro de 2018.- Un ano máis a Casa das Palmeiras de Neda volve abrir as súas portas á solidariedade da man da Asociación Amas de Casa local que, grazas á colaboración das súas socias, porá á venda máis de 150 artigos diferentes nunha nova edición do Mercado Solidario de Nadal. Esta iniciativa estará operativa do día 6 ao 9 desde mes nas devanditas instalacións municipais en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. O Mercado Solidario abre a posibilidade de colaborar co Concello nas axudas que reparte entre familias en risco de exclusión social mediante a compra de mandís, roupa de bebé, debuxos, bolsas do pan, ademais de tea e fíos para labores de bordado e gancho. Os prezos son moi razoables, “xa que se trata de vender o maior número de artigos posibles”, segundo se apunta desde a entidade, desde onde tamén se valora de xeito moi especial o traballo que veñen realizando as socias desde o pasado mes de outubro para contribuír co maior número de obxectos e roupa ao éxito da presente edición do mercado. A día de hoxe a Asociación Amas de Casa de Neda conta con máis de 80 socias e está dirixida por Rosario Doval. María Xosé Abrogues está ao fronte da tesourería.