A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA EXPOÑERASE DETRÁS DUN VIDRO PROTECTOR NA BIBLIOTECA DE NEDA

Neda, 8 de novembro de 2018.- Máis de dous metros de alto por outros dous de ancho son as medidas da Carta Xeométrica de Galicia que, cedida polo escritor e músico Vicente Araguas Álvarez, quedará instalada mañá de maneira permanente na biblioteca de Neda, situada na planta baixa da Casa da Cultura.
Trátase dun exemplar da primeira edición que, despois de ser sometido a un proceso de restauración levado a cabo por Jorge Juan Medín Guyatt para tratar as deterioracións propias do paso do tempo, do uso e da conservación, quedará exposto detrás dun vidro protector e acompañado de paneis informativos sobre a vida e traballo do autor, Domingo Fontán, así como un informe encadernado sobre os tratamentos de restauración para consulta do público. O investimento municipal ascendeu a uns 12.000 euros.
A entrega oficial do tamén coñecido como mapa Fontán terá lugar no transcurso dun acto que dará comezo ás oito da tarde, e no que estarán presentes, ademais do alcalde e da concelleira de Cultura, Ángel Alvariño Saavedra e Cristina Bouza respectivamente, o escritor Vicente Araguas, o restaurador Jorge Juan Medín Guyatt, o seu anterior propietario Rafael González Robatto, e Víctor Pollán Fernández, como membro da comisión técnica temporal para a celebración do 200º aniversario do inicio da carta xeométrica. Pollán Fernández impartirá unha conferencia cuxo título é “Fontán, un adiantado do século XIX”. O acto rematará coa actuación do grupo de Cantareiras Xerfa (Airiños de Fene).
Neda entrará así no exclusivo grupo de entidades e administracións públicas que están en posesión dun exemplar da Carta Xeométrica de Galicia, que tamén se atopan no museo de Trasalba, o pazo de Mariñán, o Parlamento de Galicia, a Real Academia Galega da Lingua e o pazo de Raxoi.
O mapa Fontán é unha carta xeométrica de Galicia, divida en provincias e subdividida en partidos e concellos. Está levantada e construída a escala 1:100.000, foi gravada en París por Louis Bouffard e estampada nunha ducia de pedras litográficas na imprenta M. Lémécier. Domingo Fontán dedicou 17 anos da súa vida (1817-1834) á realización dunha obra que foi o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas. Nel aparecen localizadas as 4.000 igrexas das parroquias galegas e os accidentes xeográficos máis importantes, alcanzando un nivel de detalle que só foi superado coa aparición da fotogrametría aérea. Rematado o traballo no ano 1834, foi a propia raíña rexente María Cristina a que deu a orde de imprimilo en París.