NEDA ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO E TRANSPORTE UNIVERSITARIO

Neda, 4 de Outubro de 2018.- Ter fillos escolarizados nalgún centro público de Neda, cunha renda per cápita mensual inferior aos 400 euros e levar empadroado no municipio polo menos seis meses son os principais requisitos para que as familias locais poidan acceder ás axudas convocadas polo Concello para a adquisición de libros de texto e material didáctico. É unha aposta do goberno municipal “para que a igualdade de oportunidades sexa real entre o alumnado da localidade”, segundo apuntou o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra.
A administración local habilitou este ano unha partida de 4.000 euros para a concesión dunhas axudas que se poden tramitar ata o día 22 de outubro no rexistro xeral do Concello. Os solicitantes, ademais de cumprimentar o modelo de solicitudes, están obrigados a presentar fotocopias compulsadas do DNI e do Libro de Familia, así como certificados de empadroamento e do centro docente no que estea escolarizado o alumno. Tamén xustificantes de ingresos económicos da unidade familiar e unha fotocopia da última declaración da renda, entre outros documentos de tipo económico.
Das arcas municipais tamén sairán os 2.000 euros previstos para subvencionar o transporte a alumnos matriculados en centros universitarios ou equivalentes, en ciclos formativos da FP, bacharelato ou outros cursos de formación ocupacional que habiliten para o desempeño dunha profesión ou oficio. O día 22 do presente mes é a data límite para presentar a correspondente solicitude no rexistro xeral do Concello, cuxo horario de atención ao público é de 9.00 a 14.00 horas. A contía das axudas variará en función da renda per cápita e poderá chegar ao 90% no caso de que sexa inferior aos 200 euros. Ademais do certificado de empadroamento e dos documentos oficiais, os solicitantes tamén deben estar ao corrente no pago de tributos municipais.