CO AGLOMERADO DO CAMIÑO COSTA DA SILVA-A SILVA REMATA O PLAN DE MELLORA VIARIA DA ZONA ALTA DO PUNTAL

Neda, 13 de Setembro de 2018.- O goberno de Neda dá por concluída a obra de asfaltado levada a cabo no camiño Costa da Silva-A Silva e con ela tamén o conxunto de actuacións previstas polo Concello para mellorar as infraestruturas viarias situadas na zona alta do Puntal. O executivo local agora só está á espera de recibir a autorización da Xunta para trasladar este tipo de actuación á zona norte. Os camiños Fábrica Laboura, A Silva e Illó son as tres vías afectadas polo trazado da Camiño Inglés que esperan desde hai un ano polo permiso da Xunta de Galicia para ser tratadas coa mestura bituminosa en quente que garante unha mellor e máis longa duración dos asfaltados.
A obra agora finalizada consistiu en pavimentar con aglomerado en quente unha vía que precisaba dun continuo mantemento por parte do Concello porque o tratamento que tiña, a base de rego asfáltico, resultaba ser insuficiente para o tráfico que vén de soportar, tal e como se apunta desde o executivo de Neda. O investimento do proxecto superou os 50.000 euros, dos que a Xunta puxo 40.000 a través Plan de Mellora de Camiños Municipais e o Concello os 10.000 restantes. A administración local fai fronte así dentro do presente exercicio ás dúas anualidades do devandito plan.