NEDA CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA AS FESTAS DE SANTA MARÍA

Neda, 4 de setembro de 2018.- A parroquia de Santa María de Neda celebrará os días 6, 7, 8, 9 e 10 as súas festas patronais cun programa que este ano tivo á fronte aos veciños José Manuel Bellón e José Puentes. A actividade arrincará o xoves día 6 cunha velada musical no recinto Albarón, a partir das dez da noite, da man da orquestra “La Potencia”, para continuar ao día seguinte, venres, coa actuación das orquestras “Suavecito” e “D’noche” na verbena que terá lugar ás 22.00 horas no campo da igrexa de Santa María, a carón do río Belelle. Os días grandes do programa chegarán a fin de semana -días 8 e 9 de setembro- con semellantes contidos. Nas dúas xornadas haberá misa ás 12.30 no templo parroquial. A continuación, a orquestra “Versalles” actuará na sesión vermú do sábado, mentres que “Alkar” será a encargada desta sesión o domingo, día 9. As verbenas, que darán comezo en torno ás dez da noite e serán no campo da igrexa, estarán amenizadas por “Versalles” e “Atenas” o sábado día 8 e por “Alkar” e “Panamá” o domingo día 9. As festas patronais de Santa María de Neda despediranse ata o próximo ano coa celebración o día 10 - festa local en Neda- dunha sesión vermú a cargo de “Galaxia” e unha festa infantil con prezos populares.

Desde a comisión organizadora invítase aos veciños de Neda e da comarca en xeral a visitar o municipio con motivo das festas de Santa María, ademais de agradecer á veciñanza e negocios da vila a súa contribución “sen a que sería imposible a súa celebración”, asegurou José Manuel Bellón.