O TRINTA ANIVERSARIO DA FESTA DO PAN DEIXOUSE SENTIR CUNHA MOI ELEVADA ASISTENCIA DE PÚBLICO

Neda, 2 de setembro de 2018.- Neda celebrou hoxe o trinta aniversario da Festa da Pan cun día radiante de sol e cunha das participacións das máis numerosas que se recordan dos últimos anos. Tampouco faltaron á cita ni o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso nin o deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro. Ambolos dous políticos foron recibidos polo equipo de goberno, entre os que se atopaban o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, e as concelleiras de Cultura e Servizos Sociais, Cristina Bouza Bellón e Ana Rosa Pena Barcia, respectivamente. Todos eles pasarían máis adiante polo escenario para arroupar a intervención do pregoeiro, Vicente Araguas Álvarez, fillo predilecto a vila de Neda, ademais de escritor, músico e tradutor. Nun emotivo e reivindicativo discurso, polo triste recordo de amigos xa finados e polo feito de reclamar para Neda “a estirpe do mellor pan”, Araguas valorou as cualidades das augas do río Belelle, mencionou o papel que do pan de Neda xogou nas revoltas que 1601 tiveron lugar en Kinsale (Irlanda), e ata sinalou que na oración máis fermosa e sinxela da Igrexa Católica tamén se fala do pan, o “Pai Noso, lástima fora”, dixo no arranque do seu discurso no que tamén recordou a frase “Vaia pan, amigo!” que lle dixo o xogador de baloncesto Romay cando soubo que a persoa coa que estaba a falar era de Neda. Vicente Araguas sinalou así mesmo que ao pan “vaille moito a man feminina” e chegou a apuntar que a capacidade amatoria dos nedense “débese ao noso pan e a nosa auga”. Nun momento da súa intervención recordou a figura de don Paco da Mercé, do que dixo que era “xeneroso e liberal”, para finalizar o seu discurso recoñecendo sentirse feliz e gustoso de ter participado como pregoeiro na XXX Festa do Pan “como tamén o son de ter nacido aquí, a unha carreiriña de can desta ribeira, onde aprendín a nadar. Á que viña de cativo en tardes de natación e logo de merenda de pan e chocolate. De pan de Neda, naturalmente. E que a festa non decaía e que siga por moitos anos. E que eu siga a sentila, sen présa, teño don da paciencia, nese hortiño que me agarda en Santa María de Neda.

Seguíndolle os pasos a todos os meus que foron e viviron e sentiron e amaron, mantidos polas boas feituras dos fornos de Neda”. O acto oficial de inauguración da Festa do Pan deu lugar tamén á intervención de tres panadeiras de Neda -Noelia, Carmen e Andrea- que foron quen de recitar o romanceiro “A panadeira e o río” e o poema “Fala o pan de Neda”, dous textos escritos por Vicente Araguas con motivo do trinta aniversario da celebración. A continuación, o Concello agradeceu con agasallos ás persoas, entidades e responsables políticos que contribuíron ao mantemento dunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia, así como á autora do cartel gañador da Festa do Pan, Dulce María López Fernández.

O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, despediu o acto agradecendo a presenza dos asistentes, así como a colaboración das persoas e entidades que tanto nos inicios como agora colaboran na celebración da cita festiva. Alvariño finalizou a súa intervención apuntando que “Neda é moito máis, é unha localidade para desfrutar dos súas paisaxes pero tamén para vivir”