NEDA APROBA O REMANENTE DE TESOURERÍA E A LICITACIÓN DOS SERVIZOS DE AXUDA E LIMPEZA DE EDIFICIOS

Neda, 30 de Xullo de 2018.- A corporación municipal de Neda aprobou no pleno celebrado hoxe un remanente de tesourería por importe de 250.000 euros e a licitación dos concursos públicos de contratación do Servizo de Axuda a Domicilio e o correspondente ao Servizo de Limpeza de Edificios Públicos, cuxas cuantías son de 837.705, 60 euros (IVE incluído) e 210.000 euros (IVE incluído), respectivamente. O equipo de goberno destaca o importe superior dun millón de euros que se derivará desta acción de goberno, da mesma maneira que tamén valora os cambios introducidos nas bases para mellorar a prestación dos servizos. Unha destas consecuencias será a ampliación do Servizo de Axuda a Domicilio durante as fins de semana, xa que “se trata de primar o benestar dos usuarios e o descanso dos seus familiares”.

En canto á operacion de tesourería, o executivo destinará un total de 180.000 euros a obras de aglomerado na parroquia de Santa María, 40.000 euros á instalación de pavimento de corcho nos parques infantís de Santa María, Principito e Xuvia e 30.000 euros ás obras de canalización e posta en funcionamento do novo abastecemento de auga de Rabadeña.