O EQUIPO DE GOBERNO RECUPERA O CONCURSO DE EMPANADAS CON MOTIVO DA FESTA DO PAN

O EQUIPO DE GOBERNO RECUPERA O CONCURSO DE EMPANADAS CON MOTIVO DA FESTA DO PAN Neda, 30 de Xullo de 2018.- O Concello de Neda vén de recuperar o tradicional concurso de empanadas no marco da Festa do Pan, que este ano chega a súa trixésima edición e que se celebrará o día 2 do próximo mes de setembro.
Así e tendo como referencia o certame que tiña lugar no recinto feiral de Albarón, o equipo de goberno retomaa iniciativa establecendo dúas categorías: unha profesional, para os panadeiros e panadeiras con forno na vila de Neda, e outra non profesional para todas as persoas maiores de idade empadroadas no municipio convocante.
O prazo de inscrición estará aberto entre os días 13 e 29 de agosto, e ao facela os participantes deberán deixar os datos persoais e de contacto. O trámite terá que facerse efectivo na Casa da Cultura en horario de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Os profesionais ademais terán que indicar a que establecemento representan mentres que, no caso dos non profesionais, deberán presentar o seu certificado de empadroamento.
En canto ao desenvolvimento do certame, que terá lugar no paseo marítimo de Xuxia o 2 de setembro, cabe apuntar que as empanadas deberán entregarse entre as 11.00 e as 12.00 horas e que no momento da entrega, os concursantes recibirán un número de participación. A continuación, o produto quedará exposto ata a cata do xurado, que se levará a cabo entre as 17.00 e as 18.00 horas. Unha vez emitido o fallo, todas as empanadas pasarán a ser degustadas polo público ata fin de existencias.
A organización establece dous premios por categoría, que consisten en 100 y 50 euros, respectivamente, ademais do correspondente diploma.
O equipo de goberno anima aos veciños a participar nun certame dobremente tradicional, tanto porque se trata dun dos produtos máis famosos do municipio como porque se celebra no marco da festa gastronómica por excelencia de Neda.