MÁIS DE VINTE POSTOS DE ARTESANÍA, MÚSICA E OBRADOIROS ENCHEN DE CONTIDOS A FEIRA NO CAMIÑO

Será os días 9 e 10 no casco histórico da vila de Neda. Haberá obradoiros infantís gratuítos, degustación gastronómica e o domingo celebrarase a primeira edición do certame de pintura rápida
Neda, 5 de Xuño de 2018. A Feira no Camiño chega o próximo fin de semana á súa terceira edición cun programa cheo de actividades e propostas de ocio para maiores e pequenos, veciños e visitantes.
Un total de 23 postos de venda de artesanía, mostra de oficios (forza, cantería, talla de madeira, cestería, coiro e torno), obradoiros infantís e degustacións gastronómicas son algúns dos contidos dunha actividade organizada polo Concello de Neda para manter a vinculación do territorio con esta vella ruta de peregrinación xacobea.
O casco histórico será a referencia para tomar contacto cunha celebración que tanto o sábado como o domingo abrirá ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 22.00 horas, aproximadamente.
As actividades infantís, que se impartirán en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, consistirán en talleres de coiro, lá e feltro, cestería, pan, fondue de chocolate e froitas. Non fai falla apuntarse.
O de comer, nesta ocasión, correrá a cargo do foodtruck “Kilómetro Fuego” e da taberna O Forno, a base de polbo e churrasco.
Ademais destas posibilidades de ocio, a programación complétase con actuacións musicais. Son as seguintes:
Sábado:
11.00 O Cuarteto de Trasancos de Neda
13.00 O Bululú nos Camiños de Santiago. Teatro. Deputación da Coruña
18.00 Música tradicional e baile galego pola Asociación Álvaro Cunqueiro de Lago
21.00 Concerto de Boj. Folk irlandés e escocés
Domingo:
13.15 A Banda do Garaxe. Asociación Cultural Sementeira de Narón
18.00 Zanfonhas de Narón
20.00 Música na rúa. Cabe García e Fausto Escrigas.
 

Durante toda o fin de semana ademais permenecerá aberta ao público a exposición de fin de curso da Asociación Brosladeiras na Casa das Palmeiras.
O sábado tamén haberá unha visita guiada polo casco histórico, que dará comezo ás 11.00 e para a que hai que apuntarse na Casa da Cultura; e o domingo celébrase a primeira edición do Certame de Pintura Rápida ao aire libre Concello de Neda. Con respecto a esta última convocatoria cabe recordar que se trata dunha actividade de estilo e temática libres que consiste capturar a paisaxe, as xentes ou os costumes da localidade nunha obra pictórica a realizar “in situ” e a executar nunha área delimitada pola organización.


As persoas interesadas pódense inscribir enviando un correo electrónico á dirección cultura@neda.es, ou mesmo o propio día do certame, entre as nove e as once da mañá, na Casa das Palmeiras, situada no número 47 da avenida Alxeciras. A organización establece un total de tres premios e unha categoría especial para incentivar a participación da poboación local. Os participantes de Neda deberán acreditar a súa vinculación co municipio mediante xustificante do padrón ou documento de pago de calquera tipo de imposto ou taxa. A contía dos premios oscila entre os 200 e os 1.000 euros. Os gañadores tamén recibirán diplomas.


Cada participante deberá achegar o seu propio material -incluído o cabalete-, realizar a obra sobre un soporte ríxido e axustar o tamaño da mesma ás medidas establecidas pola organización, que van dos 50x50 centímetros que pode ter a máis pequena ata os 100 x81 da máis grande. Os concursantes disporán dun total de seis horas para realizar unha obra de estilo e técnica libre.