DULCE Mª LÓPEZ FERNÁNDEZ GAÑA O CERTAME DO CARTEL ANUNCIADOR DA XXX FESTA DO PAN

 Neda, 4 de Xuño de 2018. “Aura Nedense” é o lema do cartel que este ano anunciará a celebración da XXX Festa do Pan de Neda, que será o día 2 de setembro.

Dulce Mª López Fernández é unha deseñadora gráfica de Fene e tamén a gañadora do certame convocado polo Concello con motivo da festa, polo que recibirá un premio de 200 euros e verá reproducida a súa obra nos carteis cos que se anunciará a convocatoria.

Trátase dunha imaxe na que destaca o nome de Neda en cor vermella sobre un fondo de grises e negros no que, ademais de figurar a lenda XXX Festa do Pan de Neda, Festa de Interese Turístico de Galicia, sobresae unha figura masculina, unha cesta con bolos cachados (característica dos fornos locais) e nomes de lugares e negocios vinculados á historia do produto gastronómico máis representativo da vila. A Festa do Pan representa un dos mellores escaparates de Neda cara ao sector turístico.

Así o entende o goberno local, que tamén ve na celebración do concurso de carteis unha forma de animar á participación de novos creativos e deseñadores gráficos, como é o caso da gañadora deste ano.