O CONCELLO DE NEDA INVESTIRÁ ATA UN TOTAL DE 210.000 EUROS EN TRES NOVAS OBRAS DE AGLOMERADO O vial da Rabadeña-Sartego xa quedou listo

Neda, 8 de Maio de 2018.- Ata un total de 210.000 euros é o diñero que o Concello de Neda investirá antes da chegada do verán en tres novas obras incluídas no plan municipal de mellora de camiños públicos. Se hai uns días dábase por finalizada a intervención levada a cabo no vial do Rabadeña-Sartego -que cubre unha distancia de 2,5 quilómetros e que no seu momento foi contratado por un total de 83.420 euros (IVE incluído), 30.000 euros menos dos cartos incicialmente previstos para a actuación- a Xunta de Goberno aprobaba esta mesma semana sacar a contratación os traballos de renovación do aglomerado aos que vai ser sometido o camiño Costa de Silva-Fábrica do Monte, unha vía de algo máis de quilómetro e medio de lonxitude e moi transitada. O prezo de saída da obra é de 51.000 euros (IVE incluído). Esta actuación complementa a anterior.Este novo paquete de intervencións en infraestruturas públicas completarase coa execución do proxecto que afectará ao camiño Mourela de Abaixo-Escorial-Roxal recentemente contratado por un importe de 85.900 euros (IVE incluído). O prazo de execución destes traballos é de dous meses.A política municipal en materia de infraestruturas pasa por apostar polo aglomerado asfáltico por considerar que é un revestimento que, non só prolonga a vida dos viais, senón que tamén fai máis rendible o investimento público. O goberno entende que dese modo o Concello está a aforrar cartos e garante pistas en boas condicións.