ALUMNOS DO COLEXIO SAN ISIDRO VISITARON HOXE A CASA DO CONCELLO DE NEDA

Neda, 12 de Marzo de 2018. Sergio, Isaac e Diego son algúns dos nomes dos 15 escolares do colexio San Isidro que na mañá de hoxe visitaron o Concello por iniciativa do propio centro escolar. Son nenos de Educación Infantil, de tres e catro anos de idade, que foron recibidos polo alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, á porta da Casa do Concello e que despois de estar no salón de plenos, onde ocuparon as cadeiras do alcalde e máis dos concelleiros, tiveron a posibilidade de coñecer os vehículos da Policía Local, un dos momentos máis divertidos dunha visita que tamén levou aos escolares a visitar outras dependencias municipais. O precorrido finalizou cunha pequena merenda ofrecida polo Concello.