O CONCELLO INVESTIU 20.000 EUROS PARA O FUNCIONAMENTO DO XIMNASIO INAUGURADO HOXE

 Neda, 12 de Marzo de 2018. Nos dous últimos anos o concello de Neda investiu 20.000 euros no ximnasio municipal, unhas instalacións situadas no centro cívico Ramón Millarengo e que hoxe foron inauguradas polo equipo de goberno. O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, interviu no acto inaugural para sinalar o compromiso do executivo local “en poñer todos os recursos para que isto funcione”, para destacar a importancia da actividade física na saúde das persoas e para apuntar que coa entrada en funcionamento deste novo equipamento ponse ao alcance dos veciños do centro urbano un servizo do que ata agora carecían. “É un magnífico complemento das escolas municipais”, aclarou. A instalación e o material dispoñible está orientado a un adestramento “moderno, funcional e saudable”, pensado tanto para as persoas que queiran perder peso como para as que desexen cuidarse a base de exercicios cardiovasculares, pesas ou cinta, segundo explicou o coordinador deportivo de Neda, Rafael Rodríguez Rivas. Así, sobre unha superficie duns 65 metros cadrados están dispostos toda unha serie de aparatos, desde unha máquina elíptica ata bancos de pesas, pasando por barras e TRX (adestramento en suspensión). Todas as actividades estarán supervisadas por un profesional que se encargará de velar pola correcta execución dos exercicios co fin de conseguir o máximo rendemento e evitar posibles lesións. O ximnasio, tamén equipado con sauna, abre ao público os martes e xoves en horario de mañá (de 11.00 a 13.00 horas) e de luns a venres no de tarde (de 17.00 a 19.00 horas). As persoas que desexen inscribirse poden facelo no mesmo centro cívico. A cota é de 22,24 euros mesnuais, aínda que o Concello prevé bonificacións para familias numerosas, xubilados e outros colectivos. Agora xa hai doce persoas apuntadas. Entre os 16 e 18 anos de idade é necesario presentar a autorización dos pais ou titores.