AS NENAS DE NEDA CONMEMORAN O 8 DE MARZO CON PLENOS REIVINDICATIVOS SOBRE O PAPEL DA MULLER NA SOCIEDADE ACTUAL


Neda, 8 de Marzo de 2016. O Día da Muller Traballadora levou hoxe a un grupo de alumnas e alumnos dos CEIPs San Isidro e Macineira e do IES Fernando Esquío a denunciar a actual diferencia salarial entre homes e mulleres, a reclamar das autoridades leis que garantan a igualdade entre xéneros e a propoñer medidas como pode ser darlle o nome de Clara Campoamor a unha das rúas da vila de Neda para recordar a contribución da muller en todos os ámbitos da sociedade. Foi no transcurso dos plenos que ao longo da mañá de hoxe deron absoluto protagonismo ás alumnas dos tres centros educativos. As sesións plenarias, nas que as alcaldesas Eimi Vilasuso, Paz Llago e Karla Romira estiveron asesoradas polo secretario do Concello, serviron para poñer encima da mesa a brecha salarial, o teito de cristal e a desigualdade en base aos datos que falan de que as mulleres cobran un 25% menos que os homes, que o 94% das excedencias laborais son  femininas e que o 30% das nenas do mundo están sen escolarizar. Todas as propostas e reclamacións resultaron aprobadas por unanimidade, sendo aplaudidas todas as intervencións, así como algunhas das preguntas feitas polos seu propios compañeiros, que  non dudaron en sumarse ás reclamacións plantexadas por elas.