AS ENTRADAS PARA A GALA BENÉFICA CONTRA O CANCRO INFANTIL AÍNDA ESTÁN Á VENDA NO CONCELLO E MÁIS NO XIMNASIO ZANSHIN SPORT

 Neda, 8 de Febreiro de 2018.- A venda de entradas para a gala benéfica do próximo domingo contra o cancro infantil marcha a bo ritmo, aínda que desde o Concello se segue a animar á veciñanza de Neda e a xente da contorna a secundar coa súa presenza unha iniciativa convocada para recadar cartos que axuden á investigación dunha doenza á que teñen que facer fronte moitas familias. A retirada de tíckets tanto se pode levar a cabo nas oficinas municipais como no ximnasio Zanshin Sport, que colabora co Concello na organización da Gala. A cita será o día 11, a partir das 17.30 horas, no pavillón municipal. A iniciativa leva como lema “Que a loita vos acompañe, superheroes”. O programa consiste en distintas actuacións, que correrán a cargo do club de kárate Zanshin Sport, o mago Dani García, Lucus Neda, alumnos do IES Fernando Esquío, Coro Solidarium Terra Transancos, e dos clubs Acordes de Rítmica y Gimnasia Estética e de baile Deportivo Narón, ademais dun bon número de actividades. Dentro deste apartado haberá unha chocolatada solidaria, un obradoiro de maquillaxe a cargo do establecemento Boheme, unha exposición de debuxos feitos polos alumnos dos CEIP Maciñeira e San Isidro e un sorteo dun agasallo realizado por Carlos García. Para finalizar haberá baile e desde e a organización tamén invita aos interesados a que vaian disfrazados se así o desexan. O prezo da entrada é de 5 euros tanto para as persoas que poidan ir á gala como para as que queiran colaborar pero non teñan a posibilidade de facelo. Os menores de dezaseis anos só pagarán un euro.