NEDA ACENDE HOXE O ALUMEADO DE NADAL E ESTA FIN DE SEMANA INAUGURA A PROGRAMACIÓN FESTIVA

Neda 5 de decembro de 2017.- Co acendido do alumeado de Nadal, acto que terá lugar esta noite, o Concello de Neda dá por inaugurado o programa festivo do mes de decembro, no que haberá teatro, actuacións musicais e moitas citas solidarias para que a calor humana destes días poida chegar a todos os fogares do termo municipal. A programación arrincará esta segunda fin de semana do mes coa celebración do xa clásico Mercadilo Solidario organizado pola Asociación das Amas de Casa. A Casa das Palmeiras acollerá esta iniciativa na que se porán á venda desde labores artesanais ata plantas de Nadal e algún que outro obxecto de prata. Trátase de recadar a maior cantidade de cartos posible para chegar ao maior número de familias necesitadas. Tanto o sábado como o domingo, o mercadillo abrirá ao público en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Tamén o sábado, día 9, haberá teatro na Casa da Cultura. A compañía A Panadaría representará a obra “Panamericana”. A función dará comezo ás 20.30 e o prezo das entradas é de dous euros. A seguinte cita terá lugar o martes, día 12, e correrá a cargo de alumnos do Conservatorio de Ferrol. Un grupo de estudantes de arpa e violín ofrecerá un concerto, en colaboración coa Asociación de Amigos do Corazón (Amicor), para axudar a previr as doenzas cardíacas. Tamén actuarán Celine Landelle (Sinfónica de Galicia) e María José Carralero (CMUS Ferrol). A entrada é libre ata completar a capacidade do centro cultural. O acto dará comezo ás 18.00 horas. A rede cultural da Deputación da Coruña tamén está presente nesta programación coa actuación do grupo Faltriqueiras na Casa da Cultura, a partir das 20.30 horas. O prezo da entrada é de dous euros. Será o venres 15. Ao día seguinte, o centro cultural volverá a abrir as súas portas a un novo encontro coa música. Trátase do Concerto de Nadal, todo un clásico no municipio, no que a Agrupación Musical Lucero del Alba e máis o Coro Diapasón interpretarán algunhas das cancións más tradicionais destas datas. O acto será ás 20.30 horas e será necesaria invitación para asistir ao mesmo. Para o que non haberá que estar invitado é para participar na Tómbola de Nadal que un grupo de veciños de Neda organiza os días 16 e 17 na Casa das Palmeiras. Haberá moitos agasallos e sorpresas e os beneficios irán a axudar a familias en risco de exclusión social. Os alumnos dos colexios San Isidro e Maciñeira despedirán o primeiro trimestre do curso coa visita dos Reis Magos. Será o día 21 de decembro. A presenza dos Reis nos centros escolares garante aos nenos a posibilidade de entregar persoalmente as cartas ás súas Maxestades de Oriente. A personaxe que tamén visitará Neda é o Apalpador que estará o día 23 na Casa da Cultura, a partir das 12.00 horas. Esta cita inclúe unha sesión de contacontos. A programación do mes de decembro pechará coa celebración da primeira edición do Festival Infantil de Curtas. Será o día 27 na Casa da Cultura, a partir das 18.30 horas.