NEDA AÍNDA TEN MOI VIVA NA SÚA MEMORIA COLECTIVA O LABOR HUMANO E PROFESIONAL DO CHAMADO “MÉDICO DOS POBRES”, FRANCISCO CEBREIRO

Neda 3 de decembro de 2017. - Na memoria dos nedenses aínda está viva, cando se están a cumprir 40 anos do seu pasamento, o labor humano e profesional do chamado “médico dos pobres”, Francisco Cebreiro Barros, a dicir das moitas persoas que hoxe tomaron parte na homenaxe organizada polo Concello de Neda.
O acto tivo lugar ao pé dun monumento no que unha placa xa é quen de recordar o agradecemento e o sentir dun pobo cara a un home desinteresado no económico e comprometido no social. Este recoñecemento público tamén estivo moi presente en todas as intervencións.
O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, destacou a faceta humana dun veciño que exerceu a medicina de xeito altruísta e que sufriu persecución por súa ideoloxía republicana para, despois, tamén apuntar que “unha soa persoa pode cambiar o mundo, como así mudou hai anos Don Paco o da veciñanza de Neda”.
A concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo, Cristina Bouza Bellón, dixo que o Concello de Neda foi quen de situar no Día Internacional do Médico a celebración deste acto para reforzar na memoria de aqueles que o coñeceron e tamén entre a xente máis nova que Francisco Cebreiro Barros “foi un home bo e xeneroso, un home de esquerda comprometido co pobo e país”, ademais de concelleiro de Neda na etapa republicana. Tamén quixo agradecer a presenza no acto da nora do homenaxeado, Teresa, e de persoas que promoveron a construción do monumento, entre as que citou a Suso Polo e máis ao alcalde Carlos Pita.
O poeta local Xoán García descubriu aos asistentes o lado máis humano e profesional dun médico “humildoso”, que “camiñaba de noite á luz dun farol para asistir nas casas á mulleres de estaban de parto” e que era quen de cobrar 15 pesetas por consulta cando o habitual eran 100. A continuación, a sobriña de García deu lectura ao poema “Lembranza” dedicado ao “médicos dos pobres”.
O historiador e escritor, Bernardo Máiz Vázquez, centrou a súa participación na faceta máis política dun médico que axudou a moitos fuxidos da posguerra. O escritor mencionou un informe non datado da Garda Civil de Xuvia no que se pon de manifesto a vixilancia á que foi sometido Francisco Cebreiro nos anos posteriores á guerra civil. Ata un total de 14 informadores, segundo Máiz, puideron ser as persoas que durante eses anos deron conta dos movementos diarios dun home que foi varias veces detido, tamén multado e que no ano 1947 “subiu nun coche en Perlío para regresar aos dous días a Neda” e que viaxou “ata Regüela a curar a ‘Patitas’ quen disparouse na perna da que non estaba coxo”, segundo o que está escrito no devandito informe.
A continuación, os membros da corporación e máis Teresa deitaron unhas flores ao pé do monumento, mentres que o grupo Airiños de Fene interpretaba o himno galego. O acto pechouse cuns pinchos na Casa das Palmeiras.