O CONCELLO DE NEDA ESTÁ A INFORMAR AOS VECIÑOS DAS AXUDAS ECONÓMICAS ÁS QUE PODERIAN OPTAR

Neda, 25 de outubro de 2017.- Ao Concello de Neda cónstalle que hai veciños que poderían beneficiarse das axudas municipais que existen por natalidade, para o transporte e as familias, entre outras, pero que non o fan por descoñecemento.
Esta situación é a que agora se trata de mudar cunha campaña informativa que se está levando a cabo a través dos Servizos Sociais. A responsable da área, Ana Rosa Pena Barcia, explicou que existen recursos para que xente maior poida facer uso dun transporte privado para ir ao médico ou facer compras, a conta das arcas municipais; para que as parellas poidan acollerse a unha axuda de 300 euros por nacemento dun fillo -600 no caso de nacer cunha discapacidade-; ou para as familias que se atopen en situación de necesidade económica ou social. Tamén existen axudas para sesións de fisioterapia ou servizos podolóxicos.
A concelleira sinalou que Neda é un concello pioneiro na aplicación de algunhas destas axudas e apuntou que entre os obxectivos marcados polo executivo local para o presente mandato está o de “axudar á xente que menos ten” e fixar poboación nun municipio con algo máis de 5.100 veciños. Ana Rosa Pena sinalou que non “cesarán os esforzos” para que a veciñanza teña información de todos estas prestacións e asegurou que “a solidaridade e o criterio que ten que rexir na área de Servizos Sociais”. Tamén recordou que as persoas que poidan estar interesadas en acollerse a algunha desde axudas só teñen que dirixirse as oficinas municipais tanto para se informar como para facer a tramitación.
O goberno de Neda manterá aberto ata final de ano o programa municipal de subvencións. Trátase de convocatorias de pagamento único. Ser maior de idade e estar empadroado no concello, xunto con certos requisitos económicos, son algunhas das condicións xerais dun programa que aborda desde o pago do transporte dentro do concello ata sesións de fisioterapia e o apoio á natalidade e familias numerosas. A compra de electrodomésticos, o pago de alugueiros e incluso pequenas reparacións domésticas son outras das axudas incluídas nas bases de execución do orzamento municipal actualmente en vigor. As familias, persoas que se atopen en situación de desemprego, ou pensionistas que, polas súas condicións socioeconómicas, non poidan facer fronte ao pago das taxas municipais de subministro de auga ou servizos de recollida de lixo e saneamento tamén poderán contar coa axuda da administración local.
Os responsables municipais inciden no feito de que as persoas que poidan verse en situación de necesidade sempre teñen a posibilidade de poñerse en contacto co persoal de Servizos Sociais, cuxa oficina, situada na planta baixa do Concello, abre ao público os luns, martes, xoves e venres, a partir das nove da mañá.