NEDA ADHÍRESE Á FUNDACIÓN AXENCIA ENERXÉTICA PROVINCIAL PARA TRATAR DE REBAIXAR NUN 10% A FACTURA ANUAL DE ELECTRICIDADE

Neda, 30 de outubro de 2017.- O goberno de Neda tratará de rebaixar cara ao próximo ano un 10% a factura eléctrica, que agora ascende a uns 180.000 euros/ano. Este é obxectivo que levou ao Concello a adherirse á Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña. O acordo, que supón un gasto de 2.700 euros anuais (IVE incluído), foi adoptado hoxe na Xunta de Goberno.
Esta decisión tradúcese en contar co asesoramento da devandita Fundación tanto á hora de controlar as facturas polo consumo eléctrico como á de redactar o prego para a contratación do subministro, á marxe de aplicar outras medidas de eficiencia enerxética.
O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, explicou que a principal carga que está a soportar a factura eléctrica no caso do Concello de Neda pasa polo funcionamento de estación depuradora (EDAR), cuxo consumo pode chegar a representar case a metade da facturación anual, uns 90.000 euros. Tamén recordou que agora hai en funcionamento uns 1.700 puntos de luz en todo o termo municipal, que aínda que non é moi extenso en canto á superficie, si que se caracteriza por ter unha poboación moi espallada, sinalou Alvariño. O gasto de electricidade é o segundo de maior contía ao que teñen que facer fronte as administracións locais, despois do de persoal.
A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña está vinculada á Deputación, presta asesoramento gratuíto á veciñanza sobre a factura eléctrica e está detrás da creación dunha plataforma de loita contra a pobreza enerxética, da que agora xa participan os concellos de Ortigueira e As Pontes dentro do ámbito comarcal.
O seu director, Jesús Castro Lorenzo, explicou que o aforro pode ser moi significativo, ata 17.000 euros ao ano nun concello de menos de 1.400 habitantes.