A REPARACIÓN DAS CANALIZACIÓNS DA PETEIRELLA GARANTE 100 METROS CÚBICOS MÁIS DE AUGA AO DÍA PARA A SUBMINISTRACIÓN MUNICIPAL


Neda, 10 de outubro de 2017.- O Concello de Neda vén de informar da entrada en funcionamento da obra de reposición das canalizacións de recollida de auga procedente dos mananciais da Peteirella, unhas instalacións afectadas no seu día polos traballos de corta e saca de madeira realizados na zona pola empresa Forestal Cando SL. Coa reposición de 116 metros de tubaxe e unha inversión de 14.000 euros, o Concello vén de sumar 100 m3 máis ao día para abastecer a unha poboación que ten un consumo medio de 1.100 m3.
O goberno municipal entende que a intervención acometida na Peteirella estase a converter no mellor aval para garantir a subministración de auga á veciñanza nunha situación de seca como a actual. Aínda así, desde o Concello demándase dos veciños responsabilidade á hora de utilizar a auga da traída para regar xardíns ou lavar os coches, entre outros usos.
No seu momento, o executivo local alegou precisamente a urxencia da actuación agora finalizada para manter un adecuado e eficiente servizo de abastecemento agravado pola seca. O caudal dos mananciais da Peteirella chega á EDAR por gravidade.