O CONCELLO DE NEDA CONVOCA A SEGUNDA EDICIÓN DA ANDAINA SOLIDARIA PARA O 29 DE OUTUBRO

Neda, 3 de outubre de 2017.- O Concello de Neda está a traballar na organización da segunda Andaina Solidaria, unha iniciativa que partiu dun grupo de veciños da localidade e que na súa primeira edición reuniu a 700 persoas. Este ano o reto está en chegar aos 1.000 participantes a fin de aumentar a recadación, que no 2016 estivo en 2.665 euros. Todo o diñeiro doase á Asociación Española contra el Cáncer.
A cita deste ano terá lugar o último domingo do presente mes, día 29 de outubro. Tanto a saída como a chegada terán como referencia o adro da igrexa de Santa María e o percorrido non superará a hora de duración, xa que se trata que na proba poidan tomar parte tanto xente nova como maior e cativos. A organización establece tres puntos de inscrición. Así, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello (horario de mañá), á tenda Zanshin Sport (de 9.00 a 11.00 e de 19.00 a 21.00 horas) e ao despacho que a Panadería Santa Rita ten no número 23 da rúa San Salvador de Ferrol (de 9.00 a 14.00 horas).  A data límite será o día 25, agás para as persoas que queiran recibir unha camiseta conmemorativa como agasallo. Nese caso, terán que apuntarse antes do día 20. Con respecto á primeira convocatoria, a que terá lugar o día 29 presenta como novidade a creación dun dorsal solidario, pensado para aquelas persoas que desexen colaborar pero que non poden tomar parte na proba. O seu importe será de 5 euros, a mesma cantidade que tamén terán que abonar os participantes adultos. Os nenos non terán que pagar, aínda que os menores de 13 anos terán que ir acompañados dun adulto e os maiores de 14 deberán presentar unha autorización paterna. As persoas que, ademais do obsequio que reciben todos os participantes, queiran ter unha camiseta conmemorativa da súa participación na proba, terán que pagar cinco euros máis, o que fai un total de dez.